Expolangues 2010 clausurou o encontro de París cunha grande afluencia de visitantes ao expositor da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Desde o pasado día 3, máis de 20.000 persoas visitaron esta feira internacional que se vén celebrando desde hai 25 anos e que ten como obxectivo prioritario promover o estudo das linguas, favorecer o multilingüismo e desenvolver a comunicación internacional.
Un total de trinta países e máis de oitenta linguas participaron en Expolangues 2010, que tivo lugar na cidade francesa de París. Alí, os visitantes, a través do expositor da Xunta de Galicia, puideron informarse sobre os cursos e outros programas de aprendizaxe do galego, sobre os recursos e diversos materiais dispoñibles para coñecer este idioma ou acerca da historia e da realidade sociolingüística de Galicia.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, que vén acudindo a esta cita nos últimos anos, ofreceu información sobre a rede de proxección exterior da lingua e principalmente sobre os centros de estudos e as cátedras nos que é posible aprender galego e achegarse á cultura de Galicia, como as universidades francesas de París III e de Rennes 2. Os visitantes que se achegaron ao stand da Xunta tamén tiveron a oportunidade de participar nos diversos cursos de galego que se impartiron desde o pasado mércores en Expolangues 2010. Ademais, a feira internacional das linguas de París puxo en marcha diversas actividades paralelas, como obradoiros, presentacións e proxeccións de películas, entre outras.
Un escaparate de referencia para as linguas
Expolingua constitúe un espazo de encontro para as institucións lingüísticas de diversos países do mundo e mais para entidades de formación en idiomas que busca fomentar o intercambio cultural e a promoción da diversidade lingüística. Entre os seus visitantes predominan as persoas interesadas nos produtos e servizos relacionados coa aprendizaxe de idiomas, así como coa formación universitaria e profesional, malia que a feira está aberta para todos os públicos. Ao tempo, as expolinguas son un escaparate das últimas novidades editoriais e dos avances tecnolóxicos aplicados á lingüística ou á internet.