O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participará os vindeiros días 9 e 10 de febreiro en Bruxelas no arranque da nova lexislatura do Comité das Rexións, que virá marcada polas melloras no recoñecemento político das rexións da UE a raíz da adopción do Tratado de Lisboa.
A primeira sesión terá lugar o día 9 e nela procederase á constitución do novo Comité cos seus novos membros, así como a constituír a mesa provisional. O día 10 elixirase ao presidente e vicepresidente primeiro (xunto aos restantes vicepresidentes, membros da mesa e presidentes de grupos políticos) e procederase ao exame e aprobación dos dictames.
O novo mandato do Comité das Rexións, que comprenderá o período 2010-2015, permitirá unha importante mellora da situación das rexións ao consagrarse no Tratado a cohesión territorial como un obxectivo fundamental da Unión, así como o dereito de autogoberno local e rexional, de xeito que cando se elabore unha nova lexislación da UE, deberan tomarse en consideración as competencias dos entes rexionais e locais.
Este reforzo do Comité das Rexións actúa sobre dous eixes, por unha banda potencia a influencia das rexións no proceso lexislativo da Unión, vendo ampliadas as súas funcións de consulta non só á Comisión e ao Consello, senón tamén ao Parlamento. Amplíanse tamén a cuestións como a enerxía e o cambio climático.
Por outra banda, se lle atribue unha nova función como é o dereito de interpoñer recursos ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, para poder protexer as súas propias prerrogativas institucionais e, para reclamar a anulación de calquera nova lexislación da UE que considere que infrinxe o principio de subsidiariedade, unha competencia pola que o foro das cidades e rexións en Europa leva loitando máis dunha década.
Ademais de participar no Comité das Rexións, o director xeral de Exteriores aproveitará a cita en Bruxelas para manter unha reunión coa directora adxunta da dirección xeral de empresas da Comisión Europea, Françoise le Bail, acompañando ao presidente da Rexión de Bretaña, Jean-Yves Le Drian, coa que analizarán o Dictame de Iniciativa do Comité das Rexións sobre a crise do automóbil.