Inicio  >  Empresa  >  Laboral

A Xunta e os sindicatos agrarios traballan para reducir a sinistralidade laboral no agro galego

redacción GECG - 6/2/2010
A Xunta e os sindicatos agrarios traballan para reducir a sinistralidade laboral no agro galego
Responsables das consellerías de Traballo e Benestar e de Medio Rural reuníronse con representantes sindicais para coordinar actuacións en común. Na xuntanza acadouse o compromiso de asinar un acordo marco de colaboración para definir obxectivos e actividades prioritarias. Levaranse a cabo accións de información, formación e sensibilización. XUNTA.

As consellerías de Traballo e Benestar e de Medio Rural traballarán, xunto coas organizacións sindicais agrarias, para reducir os accidentes laborais no sector agrogandeiro e forestal de Galicia.

A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon Rego, e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) –organismo autónomo adscrito á Consellería de Traballo e Benestar–, Adela Quinzá-Torroja, reuníronse hoxe con tal motivo con representantes do Sindicato Labrego Galego, Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias.

Esta xuntanza de traballo tiña por obxecto coordinar as actuacións de información, formación e sensibilización en materia de seguridade laboral no ámbito agrario, gandeiro e forestal da nosa Comunidade Autónoma.Trátase, en definitiva, de mellorar a capacitación das persoas que desenvolven a súa actividade con maquinaria no agro, a través de diversas accións formativas, e de conciencialos da necesidade de tomar tódalas medidas ao seu alcance en materia de prevención de riscos laborais.

De feito, a reunión de onte xa se pechou co compromiso de colaboración das organizacións e institucións representadas nesta xuntanza, para o que se asinará un acordo marco de colaboración que sirva de instrumento para a definición dos obxectivos, así como para determinar as actividades prioritarias a curto, medio e longo prazo no eido da seguridade e saúde laboral no agro de Galicia.

Este acordo marco será o punto de partida para o desenvolvemento dun plan de acción que abranguerá tres fases. A primeira será de formación de formadores, dirixida aos técnicos en prevención de riscos laborais das organizacións sindicais, coa realización de cursos sectoriais impartidos polos profesores de capacitación agraria da Consellería de Medio Rural e o asesoramento técnico do ISSGA.

A segunda fase irá dirixida cara a homologación das organizacións sindicais do sector como entidades colaboradoras para impartir formación neste eido. Finalmente, unha terceira fase consistirá no deseño e realización de actuacións de vixilancia da saúde -por parte do ISSGA- enfocada aos traballadores e traballadoras das actividades do agro, gandeiro e forestal, polos riscos específicos aos que están expostos e, de xeito especial, nas actividades desenvolvidas maioritariamente por mulleres.

Contido da xuntanza

No transcurso da reunión, que tivo lugar na sede do ISSGA en Santiago, puxéronse de manifesto as dificultades do sector no eido da seguridade e saúde laboral, entre outras razóns, por mor da multiplicidade de actividades que se desenvolven, a utilización de maquinaria, o uso de produtos como os fitosanitarios, así como outras singularidades do sector como o lugar de traballo, a dispersión e o illamento. Ademais, hai que ter en conta que se trata, na súa maioría, de pequenas empresas e traballadores autónomos.

Os representantes sindicais incidiron na necesidade de colaborar a prol da concienciación e sensibilización dos traballadores do agro, concretamente sobre os riscos aos que están expostos no seu traballo e sobre cómo deben xestionar a prevención.

Por outra banda, por parte da Xunta de Galicia, manifestouse a dispoñibilidade para traballar conxuntamente en diversas accións de información, asesoramento técnico e formación en materia preventiva, así como no desenvolvemento de actuacións de vixilancia da saúde nos centros provinciais do ISSGA, con especial incidencia en colectivos sensibles como as mulleres, e nos traballadores expostos a riscos de especial relevancia.

 
Buscar en GECG
Sobre esta información...
Audio da directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon Rego.
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com