A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, vén de asinar un acordo de colaboración coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO) ao obxecto de fomentar a implantación da calidade turística, por medio da certificación da marca Q, do Sistema de Calidade Turística Española entre o subsector das axencias de viaxes.
Deste xeito, Turgalicia prestará apoio á implantación voluntaria en axencias de viaxes cuxa sede social estea na Comunidade galega das normas de calidade desenvolvidas polo Sistema de Calidade Turística Española, como marca diferenciadora da calidade no eido turístico.
Así, por medio deste acordo, ofrecerase un servizo de consultoría a nivel colectivo para a implantación do Q, de Calidade Turística, e apoio económico nos custos soportados polas axencias no eido individual por mor das auditorías externas, renovación da marca Q e cota de mantemento, con motivo dos procesos derivados da implantación deste sistema de calidade turística. Trátase da primeira vez que se realiza un apoio deste tipo a centros de viaxes para a Q de calidade Turística.
Actividades
Pola súa parte, Turgalicia proporcionará apoio técnico e profesional nos protocolos de traballo e funcionamento que deseñen as asociacións para a implementación do Sistema de Calidade en axencias de viaxes galegas.
Asimesmo organizará e executará un acto de entrega de certificacións da marca Q ao longo do período de vixencia do acordo. Ademais, incorporará nos seus documentos de promoción xenérica o distintivo Q ás axencias que acaden a certificación e incluirá espazos específicos para estas nas súas guías, folletos e páxina web.
AGAVI e AVIPO realizarán xestións para a contratación e execución dun servizo de consultoría para a implementación do Q de Calidade Turística nas axecias de viaxes galegas. Para financiar este acordo destinaranse 60.000 euros, dos que 42.000 euros constitúen a achega de Turgalicia.