Galicia rexistrou no pasado mes de xaneiro un total de 231.268 persoas en situacións de desemprego, o que supón un incremento do paro rexistrado de 8.789 persoas con respecto ao mes anterior. En termos relativos, este aumento supón un 3,94 por cento.
Así o explicou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, que detallou a evolución do paro rexistrado nunha rolda de prensa. Na súa intervención, Díaz López sinalou que o mes de xaneiro é “tradicionalmente malo”. Con todo, fixo fincapé en que o incremento do paro intermensual en xaneiro foi “menos malo” que o rexistrado hai un ano. De feito, entre decembro e xaneiro de 2008 o número de parados aumentou en 11.413 persoas, fronte aos 8.789 deste exercicio, o que supón unha diferenza de 2.600 persoas.
Sobre esta diferenza con 2008, a representante autonómica, da Consellería de Traballo e Benestar, destacou que, a pesares de que “non son datos positivos”, semella que se está a “frear” a destrución de emprego.
No que se refire aos datos desagregados, a directora xeral fixo fincapé en que o desemprego descendeu entre os homes e mulleres menores de 25 anos en 553 persoas (345 no caso das mulleres, e 208 no caso dos homes). Pola contra, o maior aumento, tendo en conta o sexo e a idade, rexistrouse nas mulleres maiores de 25 anos (5.008 paradas máis), seguidas dos homes desta mesma franxa de idade (4.334).
Por sexos en xeral (incluíndo todas as franxas de idade), no caso das mulleres o aumento foi de 4.663, e nos homes de 4.126.
No que se refire aos sectores, o paro aumentou en todos eles. O incremento máis significativo foi no sector servizos, con 6.446 parados máis (5,3 por cento). De feito, este sector representa o 73 por cento do aumento do paro neste mes, explicou Díaz López, cando tradicionalmente supón en torno ao 60 por cento. “Este aumento é debido, por unha banda, ao remate da campaña de Nadal e, por outra, ao remate de substitucións de servizos. É , polo tanto, unha redución de emprego estacional produto da temporalidade dos contratos”, apuntou a directora xeral.
No resto dos sectores, o seguinte maior incremento –en termos absolutos- rexistrouse na construción (1.381 persoas máis, 3,82 por cento) e na industria (622 persoas, 1,78%), seguidos polo colectivo sen emprego anterior (179, 0,76%) e pola agricultura e a pesca (161 persoas, 2,54 por cento)
Por provincias, a directora xeral de Formación e Colocación apuntou que o número de desempregados aumentou nos catro territorios, producíndose o maior incremento en Pontevedra con 3.390 parados máis.
A terceira comunidade con menos aumento
Díaz López resaltou que Galicia é, en termos interanuais, a terceira comunidade (só por detrás de Estremadura e Asturias) onde menos aumentou o número de parados, xa que se rexistraron 30.312 persoas máis en situación de desemprego, o que supón un 15,06 por cento fronte ao 21,66 por cento do Estado.
De feito, este diferencial positivo tamén se ten reflectido, segundo lembrou a directora xeral, na Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicada a pasada semana, onde Galicia conta cunha diferenza positiva de preto de 6 puntos con respecto á media estatal.
No que se refire aos datos estatais, no mes de xaneiro os parados aumentaron en 124.890 persoas, o que supón unha variación de 3,18 por cento, o que sitúa a cifra de parados en España en 4.048.493 persoas.
Por outra banda, a representante autonómica fixo referencia tamén á evolución dos contratos rexistrados, sobre o que destacou que o 10,84 por cento das novas contratacións en Galicia foron de carácter indefinido, fronte ao 9,01 por cento que se rexistrou na media estatal. En total, na comunidade galega rexistráronse en xaneiro un total de 49.015 contratos
Logo de detallar todos os datos, a directora xeral explicou que o desemprego é, e continuará sendo, “un dos eixos clave” do diálogo social, no que os axentes económicos e sociais están a desenvolver un “extraordinario traballo con gran disposición”.