O novo Goberno da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, traballa intensamente e coa máxima celeridade para minimizar os efectos do parón eólico herdado da xestión do anterior Executivo e conseguir situar definitivamente ao sector eólico galego nunha posición de liderado.
Desde a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas en sete meses se teñen autorizado un total de 220,65 megavatios. Namentres, o Goberno anterior en toda a lexislatura autorizou 558,63 megavatios, de xeito que en menos dun ano o novo Executivo galego licitou máis da metade dos megavatios autorizados polo Goberno anterior.
No presente mes de febreiro a Xunta concluíra a admisión a trámite dos 200 megavatios pendentes dos plans estratéxicos orixinados nos anos 90 e en marzo convocarase o concurso eólico para os 2.300 megavatios, do proceso de repartición non concluído pola anterior administración en carto anos.
Ademais, o Goberno galego está a tramitar un decreto de repotenciacións que permitirá un incremento da potencia eólica en Galicia, sen afectar aos 2.300 megavatios obxecto do concurso que se vai a convocar no vindeiro mes.
Neste sentido, cómpre lembrar que este Goberno traballa para combater as incoherencias do Goberno central no que se refire ao establecemento e xestión do rexistro de preasignacións na retribución das enerxías renovables, e máis concretamente na enerxía eólica, xa que o Executivo galego considera que o Goberno central invade as competencias autonómicas neste eido e está a establecer unhas cotas e prazos para a entrada en funcionamento dos parques eólicos que a administración galega non comparte.
Asemade, dende o novo Goberno de Galicia se ten elaborado unha lei que simplificou o procedemento administrativo de autorización dos parques eólicos e garantiu o respecto medioambiental. Deste xeito, a Xunta garante un concurso obxectivo, transparente e solvente desde un punto de vista técnico.