A Consellería de Cultura e Turismo porá en marcha no mes de febreiro cursos de idiomas de inglés, francés e alemán, de nivel básico, dirixidos ao sector para que os profesionais poidan aplicar eses coñecementos lingüísticos ao seu campo de actividade e gañar, deste xeito, unha maior competitividade. Esta iniciativa parte dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Os cursos, programados para desenvolverse nun máximo de sesenta horas, terán lugar ao longo do segundo cuadrimestre do presente curso académico nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia e nas súas seccións. Como máximo cada especialidade formará a 25 persoas. No caso de non cubrirse as prazas ofertadas cos devanditos destinatarios poderase ofertar este curso a todos os demandantes.
O obxectivo principal desta iniciativa e capacitar ao alumnado coas estratexias de comunicación eficaces que favorezan a realización das súa profesión no ámbito do comercio, o turismo e a hostalería, co fin de manter unha comunicación sinxela e básica. Ademais perséguese que os alumnos e alumnas adquiran o léxico básico propio dos contextos comerciais a través de actividades reais ou adaptadas, que se realizaran de maneira individual ou en grupo.
A iniciativa enmárcase no programa ‘Anfitrións de Galicia’, desenvolvido pola Secretaria Xeral para o Turismo a través de Turgalicia, de cara a sensibilizar e concienciar á poboación galega neste sector. En concreto, o proxecto vai dirixido a outras profesións afíns ao turismo, o comercio ou o transporte. Tamén ofrecen servizos ao turista, e á cidadanía en xeral para que estes acollan mellor aos visitantes que se achegan a Galicia.
Cursos nas catro provincias
As EOIs de A Coruña, Monforte, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Vilagarcía e Viveiro son as elixidas para a celebración das clases. Esta programación xustificase na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio de Educación, cuxo artigo 60 establece que as EOIs poderán impartir cursos para a actualización de coñecementos de idiomas e a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais. Para consultar as modalidades e os horarios dos cursos, www.sxturismo.org.