O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) destinará un orzamento de 150.000 euros, distribuídos a partes iguais (50.000 euros por entidade) entre a Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (Faimevi); a Fundación Enerxética Provincial da Coruña (Faepac) e a Fundación Sotavento Galicia, para a impartición de cursos de condución eficiente de vehículos, que se insiren no marco do Plan de Acción da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España 2008-2012, a través do convenio que o Inega ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía). Así se recolle no convenio de colaboración que hoxe asinou o director do Inega, Eliseo Diéguez García, co director xerente de Faimevi, Bernardo Parajó Calvo; co presidente de Faepac, Salvador Fernández Moreda, e co xerente da Fundación Sotavento Galicia, José Núñez Baña.
Con esta acción formativa, prevista dentro das medidas dun uso máis eficiente dos medios de transporte, o Instituto, dependente da Consellería de Economía e Industria, trata de fomentar un novo estilo de condución dos vehículos turismos, co que se obterán diminucións medias no consumo do combustible de ata un 15% sobre a condución convencional, mellorando tamén a seguridade.
Poderán tomar parte nestas técnicas de condución eficiente tanto monitores de autoescola como particulares, sendo o apoio máximo por parte do Inega a cada unha das Fundacións asinantes do convenio, de 125 euros por monitor formado e de 80 euros por condutor particular, ata cubrir a dotación máxima de 50.000 euros por entidade. O alumno achegará un máximo de 20 euros, e Faimevi, Faepac e Fundación Sotavento Galicia porán a cantidade restante ata cubrir os gastos totais. Os cursos rematarán o 30 de xuño de 2010.
As clases levaranse a cabo nun percorrido urbano, de aproximadamente de 5 a 7 quilómetros e que conte coa maior parte dos elementos representativos da circulación na cidade (cruzamentos, semáforos, rotondas, prazas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e baixada, etc.) e nas que a aplicación dunha ou doutra técnica de condución signifiquen diferenzas en consumo. Cando os cursos se realizan en zonas rurais incluiranse os máximos elementos citados anteriormente e poderán simularse os que non existan polas características propias da zona.
Monitores expertos
A acción formativa contará con monitores expertos que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O alumno terá a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo do combustible mediante unha proba práctica que se verificará antes e despois da sesión teórica.
Características dos cursos
O número de alumnos por vehículos será, como máximo, de catro. As roldas de condución realizaranse por cada un dos catro alumnos do grupo, cunha duración aproximada de 15 minutos por persoa. Aos participantes entregaráselle material de apoio, que inclúe un manual de condución eficiente e un folleto informativo no que se explican os principais criterios e vantaxes da condución eficiente, así como un diploma acreditativo de participación no mesmo.
No caso dos cursos de monitores de autoescola serán de maior duración e particularidade técnica. A formación estruturarase en módulos, cunha duración mínima de 5 horas por cada tres alumnos. Constará dunha parte teórica e outra práctica, con comparativas de consumo. Cada módulo require a participación dun formador e un vehículo dotado de medidor de consumo.
Así mesmo, Faimevi, Faepac e Fundación Sotavento Galicia poderán conceder pola súa conta axudas a determinados colectivos coa finalidade de reducir as aportacións finais e tamén se lles autoriza para recabar o patrocinio e axudas económicas adicionais doutras entidades. Ademais de achegar o material didáctico necesario a cada alumno para as clases teóricas, as devanditas Fundacións deberán proporcionar os medios necesarios para a realización das prácticas (vehículos, combustible, locais, medios didácticos, etc.).