O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) organiza un seminario de capacitación hoteleira para un grupo de 21 responsables e propietarios de hoteis da provincia arxentina de Tucumán. O programa de actividades desenvólvese entre o 25 de xaneiro e o venres 5 de febreiro nas instalacións da Barcia (Santiago de Compostela). No grupo está o director do ente Tucumán Turismo, Bernardo Racedo Aragón, e a coordinadora, Diana Costa Ríos.
As clases desenvolveranse en horario de mañá e tarde, de 10 a 18 horas, misturándose sesións teóricas con desenvolvementos prácticos (exercicios individuais e colectivos), traballos de campo (visitas a empresas do sector) e actividades complementarias (rotas turísticas por Galicia). Trátase dun curso de actualización de técnicas de xestión hoteleira que pretende proporcionar aos asistentes os coñecementos necesarios que lle permitan actualizar os seus modelos de xestión hoteleira e, por conseguinte, adaptalos aos seus establecementos.
As materias céntranse en Aloxamento, Alimentos e Bebidas, Marketing e Calidade, Recursos Humanos, Políticas Medioambientais e o Uso de Internet como ferramenta de promoción. Os propios profesores do CSHG e colaboradores son os que imparten a formación aos profesionais arxentinos.
O grupo fai unha visita guiada a Santiago de Compostela con parada no Hostal dos Reis Católicos (luns, 25 a partir das 16 horas) e estarán nun hotel con encanto do casco vello (venres, 29, a partir das 9.30 horas). En Rías Baixas (sábado, 30, a partir das 9 horas) visitarán Hoteles Augusta (Sanxenxo, a parrtir das 11 horas), o Hotel Brasil (O Grove, a partir das 12.30 horas) e adega Lagar de Besada (Meaño, a partir das 16,30).
A clausura desenvolverase o venres, 5 de febreiro, no Restaurante Enxebre do Hostal dos Reis Católicos, a partir das 20 horas. O CSHG, integrado na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, TURGALICIA, SA e vinculado á Universidade de Santiago de Compostela, iniciou o seu labor docente no ano 1994 co obxectivo de satisfacer unha demanda do sector turístico e hostaleiro de Galicia, relativa á formación de futuros profesionais, e a formación continua de profesionais en activo.