O presidente da Fundación Galicia Emigración, Santiago Camba, clausurou nas instalacións do Centro Gallego de México unha xornada de difusión empresarial- El directivo ante el reto de la innovación- que foi punto de encontro entre empresarios e directivos galegos e mexicanos do México DF.
Camba, no transcurso da súa intervención, defendeu a idea central de “xerar un lobby empresarial galego no exterior que axude a consolidar a presenza de Galicia no concerto internacional”. Ademais destacou, que esta “visión integradora e universal”- “espírito do que está impregnado o movemento asociativo da diáspora”, continuou- “debe ser multilateral e con múltiples focos de relación interconectados”, concluía Santiago Camba, presidente da Fundación Galicia Emigración e secretario xeral da Xunta de Galicia.
Daí, Camba, fixo fincapé, así mesmo, na necesidade de “innovar para diferenciarse, crecer e para atopar novos mercados, facendo de Galicia un espazo atractivo para a inversión empresarial”.
O obxectivo da xuntanza era dobre dunha parte serviu para pór en común inquedanzas do mundo da empresa e da innovación; e doutra banda, lanzouse unha mensaxe positiva entorno á actual situación de crise, coincidentes os participantes en compartir as ferramentas necesarias para sorteala, e saír fortalecidos da mesma.
Os relatorios- Como obtener ventajas desde la innovación, Invertir en Galicia, El Rol del Directivo ante la Innovación- abordáronse desde perspectivas distintas, aínda que complementarias, a fin de reinventar desde a innovación novos modelos de negocio e de políticas de recursos humanos; destacando o importante papel do directivo, as súas capacidades de liderado e a necesidade de motivación dos equipos; como alternativas estratéxicas en momentos de cambio.
A xornada organizada pola Fundación Galicia Emigración contou, así mesmo, coa colaboración da entidade e escola de Negocios Caixanova.
Viaxe a Puerto Rico
O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, encontrarase mañá coa colectividade de Puerto Rico, onde residen cerca dun milleiro de galegos. Na capital portorriqueña de San Juan, inaugurará a nova sé do Centro Gallego de Puerto Rico fundado en 1974 e de gran actividade desde a súa creación no plano cultural, recreativo e deportivo.