A sala de actos do stand de Galicia en Fitur foi hoxe a fiestra dende a que se presentaron ao sector e máis á prensa especializada nacional e internacional as ofertas turísticas da Terra Chá, Ourense, A Costa da Morte e Ferrol para este 2010.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presentou Recursos Turísticos da Mancomunidade Terra Chá. A Mancomunidade Terra Chá está composta por cinco concellos: A Pastoriza, Abadín, Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei, e segundo o conselleiro son lugares que “aglutinan de natureza, aventura, hostalaría, áreas de recreo, museos e restos arqueolóxicos, que son expostos a milleiros de visitantes detrás dun fondo cristalino obtido da fusión case mística entre a terra e a auga”.
Asemade, Roberto Varela recordou os lugares más emblemáticos da Terra Chá, “a Serra do Xistral, un entorno natural incomparable que descende dende o corazón lucense ata o Cantábrico, e a Laguna de Cospeito, unha braña englobada pola cunca do río Miño e franqueada polas maxestosas montañas. Ambas as dúas contan co debido e merecido recoñecemento internacional: a Serra foi declarada espazo natural protexido xunto ás ribeiras do río Sor e a braña foi nomeada en 2002 pola UNESCO Reserva da Biosfera Terras do Miño”.
Ourense foi a protagonista da presentación ‘Ourense con outra ollada, campaña 2010’, organizada polo Padroado Provincial de Turismo de Ourense e na que estivo presente a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. Ourense con outra ollada é unha colección de publicacións que recompilan a oferta e os recursos turísticos de Ourense entre as que sobresaen as rutas da provincia –un folleto elaborado para comercializar os recursos turísticos de Ourense-, unha publicación específica de termalismo e unha publicación específica do Camiño Mozárabe.
A xornada de presentacións continuou coa XI Edición de Xantar, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que se celebrará en Expourense no mes de marzo e que contará este ano cunha edición especial Xacobeo 2010, coa celebración do V Encontro Ibérico de Dieta e Saúde, cun congreso sobre gastronomía dos Camiños e coa VI Edición do Encontro de Confrarías Gastronómicas e Enófilas. Na presentación de Xantar estivo presente o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; e mais a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo.
Segundo o conselleiro, Xantar é “unha das feira gastronómicas e turísticas por antonomasia da xeografía galega”. “A gastronomía de toda a superficie galega, nacional e dalgunhas rexións portuguesas queda representada por máis de 20 restaurantes en Xantar 2010. Este ano, ante todas elas, mostrarase o fenómeno Xacobeo 2010, e un dos seus emblemas, como é a gastronomía dos camiños”, engadiu Varela. Asemade, o conselleiro de Cultura afirmou que “un dos alicerces fundamentais polos que os turistas veñen a Galicia é a súa gastronomía”. O Salón Galego de Gastronomía e Turismo toma un cariz máis internacional nun ano dedicado ao fenómeno Xacobeo. A feira dará a coñecer os pratos típicos e os mellores produtos das zonas atravesadas polas diferentes versións da ruta compostelá.
Costa da Morte e Ferrolterra
A xerente de Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, asistiu tamén á presentación do proxecto Promotur Costa da Morte, unha iniciativa promovida pola Asociación de Turismo da Costa da Morte que inclúe a creación e comercialización dunha trintena de paquetes turísticos que serán postos no mercado a través dunha plataforma on line. Nestes trinta proxectos participan máis de cincuenta empresas do sector.
A comarca de Ferrolterra tivo tamén nesta edición presenza na Feira Internacional de Turismo. Este é o cuarto ano consecutivo que está representado en Fitur o Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal. Hoxe, a xerente de Turgalicia, Carmen Pita asistiu á presentación dos novos produtos turísticos dos quince concellos do eixo Ferrol-Ortegal. Os novos produtos son unha plataforma comercial de actividades chamada Tempo de Lecer, novos paquetes turísticos para estadías tanto na zona rural como na urbana e tamén os denominados Bonos de Lecer. O obxectivo dos mesmos é enriquecer a oferta turística xa existente.
Ademais de estar representados a través do Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal, algúns concellos da bisbarra contan cun espazo propio na feira. Ferrol, por exemplo, presentou hoxe tamén a súa Semana Santa. Ortigueira e Ares tamén terán senllas presentacións mañá na feira.
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, tamén estivo presente no acto promocional da Semana Santa de Ferrol, no que tamén se deu difusión ao Salón do Cabalo Equiocio e mais á gastronomía e ás visitas guiadas pola cidade departamental. Carmen Pardo destacou na súa intervención “o esforzo por manter viva unha tradición como a Semana Santa, que é Festa de Interese Turístico Nacional dende 1996”. Pardo tamén recalcou que a celebración da décimo terceira edición do principal salón galego dedicado ao mundo da hípica e a súa coincidencia coa Semana Santa de Ferrol multiplican a oferta complementaria para os turistas e adecúase ás esixencias do novo turista “que demanda vivencias e unha nova concepción da experiencia turística que a cidade de Ferrol ten a capacidade de ofrecer e compartir con quen a visita”.
A secretaria xeral para o Turismo tamén recalcou a condición de Ferrol como un dos principais puntos de saída do Camiño Inglés e a súa potencialidade como lugar de paso dos peregrinos que camiñarán pola ruta xacobea neste Ano Santo 2010.