A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o Ministerio de Saúde do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires (Arxentina) colaborarán na formación de profesionais sanitarios e no desenvolvemento de programas específicos de cooperación técnica, docencia e investigación.
Así se establece nun documento asinado hoxe pola conselleira, Pilar Farjas Abadía, e o ministro de Saúde, Jorge Lemus, en Bos Aires, que recolle o desenvolvemento de pautas de cooperación en materia de formación dos profesionais do sector sanitario, ben acollendo temporalmente en Galicia a profesionais arxentinos, ben desprazándose profesionais do Servizo Galego de Saúde a centros sanitarios deste país, coa finalidade de desenvolver programas de formación, xerencia e de transferencia de coñecemento.
Esta implementación de programas formativos suporá unha mellora da atención ao paciente, así como da introdución de criterios de calidade nas prestacións e na atención sanitaria. En conclusión, segundo explicou Pilar Farjas, a finalidade do acordo é establecer un sistema que permita regularizar e normalizar os métodos e as relacións de cooperación existentes, posibilitando a coordinación entre Xunta e Goberno de Bos Aires e asegurando un prantexamento global que solucione as que poidan xurdir.
Formación de residentes e de cadros directivos
Os destinatarios destes programas serán profesionais sanitarios tanto da cidade autónoma de Bos Aires como de Galicia. Dentro do marco de cooperación haberá programas de formación de residentes, para o acceso á especialidade e por un período máximo de catro meses.
Tamén se desenvolverán programas específicos para a formación de cadros directivos, a través da Escola de Directivos da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS) en modalidade presencial, se ben o documento recolle a posibilidade de que se elaboren tamén en modalidade virtual.
Con esta Escola, pioneira en España, preténdese impulsar unha formación directiva que desenvolva as capacidades dos xestores e lles garanta un permanente sistema de actualización das súas habilidades e dos seus coñecementos. Conta con catro grandes liñas de formación desenvolvidas a través dun foro continuo -cursos de dirección sanitaria, de xestión clínica, de supervisión e coordinación de unidades de enfermería- e a súa metodoloxía docente conta con sesións teóricas e prácticas.
Actividades a desenvolver
Para acadar os obxectivos deste acordo, estableceranse actividades como o asesoramento técnico para planificación, organización e creación de servizos; a transferencia de coñecemento; a formación de cadros directivos; o intercambio de desenvolvemento e a súa aplicabilidade; programas de prevención; a formación de posgrado; a investigación aplicada; e a creación de programas de mellora de calidade.
Pilar Farjas lembrou que un dos obxectivos da Xunta é establecer unha garantía real de dereito a unha asistencia sanitaria universal para todos os galegos, “residan onde residan”, e sinalou que ese é o compromiso que está a asumir e desenvolver o Goberno autonómico.
Como exemplo, lembrou a modificación do decreto que regula a tarxeta sanitaria para que dea cobertura aos galegos que residan no estranxeiro e realicen estancias temporais na comunidade para que teñan o mesmo trato nos hospitais e centros de saúde do Servizo Galego de Saúde.
Así mesmo, lembrou que a Xunta garantirá un aporte anual de 3,1 millóns de euros para o mantemento e funcionamento do Hospital do Centro Galego de Bos Aires para, coa profesionalización da súa xestión, impedir a súa quebra económica e ofrecer unha mellor prestación dos servizos sanitarios e unha asistencia de calidade, primando a atención sanitaria dos seus socios galegos.
Visita a Arxentina
A conselleira está a realizar esta semana unha visita oficial a Arxentina xunto co secretario xeral da consellería de Sanidade, Roberto Pérez López, e o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba Bouzas.
Cómpre lembrar que, na súa anterior visita a Bos Aires, a conselleira mantivera unha primeira xuntanza co ministro de Saúde. No encontro, Farjas Abadía interesárase pola situación actual da sanidade Arxentina en canto a dotación de novas infraestruturas e da importancia de colaborar xuntos en todos os temas relacionados cos centros sanitarios galegos.
Así, o pasado 7 de decembro, o Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires e a Xunta de Galicia suscribiron un documento polo que se estableceu un marco de colaboración entre ambos os dous organismos.
Nese texto prevíase que a promoción de accións conxuntas no marco da saúde, a través da cooperación e intercambio de experiencias en materia de políticas de desenvolvemento da atención primaria e de sistemas de formación en xerencia do servizo sanitario e os seus novos modelos de xestión.