A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas concedeu un total de 96 axudas das 100 solicitudes presentadas para acollerse a unha subvención para activar o abandono da profesión dos transportistas autónomos de idade avanzada no sector do transporte público de mercadorías por estrada de Galicia.
O departamento que dirixe Agustín Hernández é consciente da problemática á que conleva a elevada idade dos transportistas autónomos, resultando especialmente grave no contexto económico actual e sobre todo, nas pequenas empresas familiares. Nese senso, a Xunta promove unha liñas de axudas que son complementarias coas do Ministerio de Fomento.
Cómpre salientar que son beneficiarios de ditas subvencións os transportistas autónomos cuxa actividade sexa o transporte de mercadorías por estrada e se comprometan a abandonar esta, renunciando a todas as autorizacións de transporte público das que fosen titulares. Tamén se poden acoller a este tipo de axudas aquelas persoas que teñan renunciado á actividade de transporte de mercadorías por estrada por medio da baixa de todas as autorizacións de transporte público de que fosen titulares.
Nestes casos, deberán ser autónomos domiciliados en Galicia, ter unha idade igual ou superior aos cincuenta e oito anos, ou ter incapacidade permanente absoluta, ser titulares dunha autorización vixente de transporte público de mercadorías e estar dados de alta no réxime de autónomos da Seguridade Social os últimos dez anos. Ademais, as autorizacións de transporte público de mercadorías de ámbito nacional, comarcal ou local para vehículos con capacidade de tracción propia computaranse como copias dunha mesma autorización.
Criterios de valoración
A Comisión de Valoración, encargada da revisión e xestión de todas as solicitudes, tivo en conta criterios como a declaración de incapacidade permanente absoluta, a maior idade dos transportistas que as soliciten e a clase de autorizacións, dando preferencia ás que habiliten para realizar transporte con calquera tipo de vehículo.
Os beneficiarios das subvencións deben cumprir as obrigas de abandonar de xeito definitivo a actividade de transporte, non achegar a súa capacitación a outras empresas, reintegrar a contía no caso de incumprimento de requisitos e permitir que Mobilidade realice as inspeccións oportunas.