Inicio  >  Galicia  >  Consumo

Economía e Industria apoia a feira de artesanía Ofeitoaman de Vigo no seu 25 aniversario

redacción GECG - 19/12/2009

 A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, participaron hoxe no acto de inauguración da feira de venda directa Ofeitoaman de Vigo, que este ano celebra a súa 25 edición e que está organizada pola Asociación Galega de Artesáns. A Consellería de Economía e Industria apoia a celebración deste evento, no que participan 39 artesáns profesionais, a través dun investimento de 12.000 euros, que supoñen un incremento do 30% con respecto ao ano 2008.

Ofeitoaman, que se celebra entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro, é a segunda feira máis importante de Galicia, tanto en número de expositores como en afluencia de público e vendas, así como a de maior relevancia das que se celebran no inverno, polo que se está a consolidar como un encontro de referencia da artesanía galega e unha cita imprescindible para o Nadal de Vigo e da súa comarca. Durante o acto de inauguración, a directora xeral de Comercio destacou o papel fundamental que xogan as feiras de venda directa tanto para a distribución da artesanía como para a dinamización do comercio de proximidade dos lugares nos que se celebran. “Ofeitoaman xa é unha parte da programación do Nadal en Vigo e contribúe tanto a divulgar a marca Artesanía de Galicia como a revitalizar a actividade comercial da cidade”, sinalou. Nava Castro aproveitou para convidar os artesáns a participar na segunda edición da Mostra de Artesanía de Galicia, unha feira profesional especializada en artesanía e impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que se celebrará no IFEVI do 16 ao 18 de abril de 2010.

Regalos auténticos

“A artesanía é unha da actividade económica que ofrece os produtos máis completos do mercado posto que se trata de pezas únicas, que contan co valor engadido da creatividade, do deseño, da tradición, do amplo coñecemento dun oficio e do privilexio de que se trate de pezas únicas e especiais”, sinalou a directora xeral de Comercio. Co lema “Regalos auténticos”, Ofeitoaman ofrece un escaparate cun amplo abano de propostas para os agasallos do Nadal, produtos “con garantía de orixe”, xa que contan coa garantía da elaboración artesanal, coidada e personalizada e, na maioría dos casos, coa distinción da marca Artesanía de Galicia, posto que a maior parte dos expositores que participan na edición deste ano de Ofeitoaman son artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Ata o martes 5 de xaneiro, os visitantes poderán entrar en contacto directo cos propios creadores das pezas, que están especializados nunha grande variedade de oficios artesanais: coiro, téxtil, xoiería, cartón pedra, olería e cerámica, serigrafía, vidro ou madeira. Os expositores que participan na mostra proceden de diferentes zonas de Galicia, coa excepción do taller de cerámica Historias da Miña Terra, que chegará dende Barcelos (Portugal). Os expositores son: A Feitura (A Coruña), A Xente das Cores (Mondoñedo), A. Outeiriño (Ourense), Acebo (O Rosal), Arco Iris (Ribadeo), Ardentía, Deseño en Prata (Bergondo), Artesanía en Plata (Marín), Bruxarte (Vigo), Cabuxa (Tui), Cascabel (Vigo), Cerámica Ferreira (Vigo), Charamusca (Carnota), Chueco (A Coruña), Dolmen (Vigo), E. Ferro (Merza), Encoiros (Vigo), Estiva da Vella (Ferrol), F. Mourón – Buño (Malpica de Bergantiños), Fe González (A Guarda), Fer (Santiago de Compostela), Fiada Tecido Manual (Carral), Flecharte (Vigo), Mestura de Kores (Vigo), Paz Luaces (Vigo), Plata Nativa (A Coruña), Rappa – Coiro (Lugo), Regal Cerámica Artesán (Viveiro), Rosa Higuero (Cabanas), Rosa Méndez (Teo), Sánchez-Cano Orfebres (Vigo), Santín (Cambre), Silvereira (Teo), Suso Calo Plata (Moaña), Taller Amona (Cabanas), Taller Sur (Marín), Tellería Lorenzo (Redondela), Tragamasa Bichería Fina (Oleiros), Varo Caride (Vigo) e Zimzelatum (Gondomar).

Nunha carpa de 600 metros cadrados situada na Praza da Estación de Vigo, poderanse ver os traballos dos 39 artesáns que participan na feira, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas, agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, nos que a feira permanecerá pechada. Ademais do apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, a feira conta coa colaboración do ADIF e mais do Concello de Vigo.

 

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
Consultoria Empresarial
pulse aquí para descargar PDF
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com