Inicio  >  Empresa  >  Economía

A Xunta inviste case 12 millóns de euros en 2010 para implantar no primeiro semestre do ano próximo o novo Plan de Transporte Metropolitano de Galicia nas áreas de Ferrol, A Coruña e Santiago

redacción GECG - 18/12/2009

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reservou unha partida orzamentaria dos orzamentos de 2010 de preto de 12 millóns de euros para implantar no primeiro semestre do ano próximo o novo Plan de Transporte Metropolitano de Galicia nas cidades de Ferrol, A Coruña e Santiago, é dicir, naquelas áreas que xa dispoñen de servizos metropolitanos. Este proxecto permitirá unha mellor coordinación entre os medios de transporte urbanos e interurbanos. Nese senso, poranse en marcha programas de transbordos gratuítos para os viaxeiros, un sistema de tarifas zonais máis sinxelo, un incremento da oferta de servizos e un programa de mellora da información aos usuarios e outro de mellora das infraestruturas actuais.

O director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, informou esta mañá dos plans respecto do transporte público que deseña e promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Sinalou que o prazo para a posta en marcha do plan de transporte nestas tres cidades xa foi comunicado aos representantes dos concellos e engadiu que ao longo do vindeiro ano proseguirán as reunións e os contactos para implantar este sistema de transporte nas áreas restantes. Concretamente, a semana próxima reunirase con representantes do Concello de Lugo. Manifestou que o actual Goberno aposta por un modelo de mobilidade baseado no uso do transporte colectivo e outros modos alternativos ao emprego indiscriminado do coche.

Rodríguez Bugarín apostou por activar un servizo ferroviario con frecuencias superiores ás actuais, xa que este feito permitirá ofrecer á cidadanía un transporte público eficiente, que redundaría nun menor uso do vehículo privado e, en consecuencia, no descenso da conxestión nos accesos por estrada ás nosas cidades. Na súa opinión, estes servizos de proximidade deberían incorporarse nos plans de transporte metropolitano que están en funcionamento ou se poñan en marcha. Con esta medida, facilitaríase a integración tarifaria ofertando un servizo de transporte intermodal baseado no uso de autobuses urbanos, interurbanos e do tren.

A modo de exemplo, salientou o que está a suceder na área de Ferrol, onde os servizos de proximidade de FEVE se integraron no plan de transporte metropolitano, cun elevado índice de aceptación por parte dos cidadáns.

Metro lixeiro no Eixo Atlántico

O director de Mobilidade avanzou que o Goberno galego tamén está a traballar na licitación dos estudos para o desenvolvemento dunha rede de metro lixeiro, que terá carácter metropolitano, nas tres principais áreas do Eixo Atlántico (Vigo, A Coruña e Santiago), proxecto para o que, inicialmente, está previsto un investimento autonómico de 12,4 millóns de euros. Estes estudos analizarán, entre outras cuestións, a posibilidade de utilizar a infraestrutura ferroviaria existente, compartindo o seu uso co de material móbil ferroviario convencional. Subliñou que este tipo de servizos, coñecidos como tranvitrén, tiveron un notable éxito en Alemaña e Francia, polo que a súa posta en marcha permitirá estender os servizos á área metropolitana, sen requirir un elevado investimento en infraestrutura.

Asemade, explicou que, no marco da mobilidade sostible, a Xunta aposta pola construción de aparcamentos disuasorios que faciliten o acceso tanto ao transporte público, como ao uso do vehículo particular. Nestes momentos, estase desenvolvendo a tramitación administrativa dos pregos para o contrato da correspondente asistencia técnica que apoiará a redacción do Plan de Aparcadoiros Disuasorios de Galicia.

A xestión ferroviaria

O representante da Consellería de Medio Ambiente indicou que para a consecución dos obxectivos relacionados cos modos ferroviarios prevese a creación dun ente público para a xestión ferroviaria de Galicia. O primeiro obxectivo desta medida é asumir o proxecto das redes de metro lixeiro, ademais de potenciar o transporte ferroviario en Galicia, levando a cabo, no seu caso, a administración dunha rede propia de infraestruturas ferroviarias que poidan realizar transporte, tanto de viaxeiros como de mercadorías, e a xestión da capacidade sobre a mesma.

Tamén recordou que a totalidade da rede ferroviaria galega está incorporada na rede ferroviaria de interese xeral, de competencia estatal. O Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia deben chegar a un acordo sobre a transferencia das infraestruturas ferroviarias, así como dos fondos precisos para a súa conservación e mantemento, co fin de que poidan dar servizo aos usuarios e usuarias.

Por outro lado, remarcou que, na actualidade, as competencias sobre o tren de proximidade son do Ministerio de Fomento. Por este motivo, como un primeiro paso necesario para a implantación do servizo de proximidade, o Ministerio debe propiciar a creación por parte de RENFE dunha Xefatura de Proximidade para Galicia, así como a aprobación das partidas orzamentarias necesarias para implantar os trens de proximidade nos corredores Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol, tal e como se aprobou por unanimidade no pasado mes de setembro no propio Parlamento de Galicia.

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com