Inicio  >  Empresa  >  Economía

Mato anuncia que as mesas sectoriais da automoción e do naval do proceso do diálogo social se abrirán no mes de xaneiro

redacción GECG - 17/12/2009
Mato anuncia que as mesas sectoriais da automoción e do naval do proceso do diálogo social se abrirán no mes de xaneiro
Beatriz Mato no Congreso da Federación do Metal. CONCHI PAZ.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe que as mesas sectoriais dentro do diálogo social, entre as que destacan a da automoción e a do naval, se abrirán no mes de xaneiro co obxectivo de abordar polo miúdo a problemática concreta do sector do metal en Galicia. “Xa o fixemos desde a nosa chegada ao Goberno, pero agora, de xeito inmediato, imos dotar todas esas accións de ferramentas eficaces e compartidas cos axentes sociais”, explicou.

Ademais, Mato destacou que nesas mesas escoitaranse as propostas de todos os axentes sociais e se deseñarán os itinerarios máis eficaces para o máximo sostemento do emprego posible no ámbito naval. A titular de Traballo fixo esta valoración durante o acto de apertura do terceiro Congreso da Federación do Metal, Construción e Afíns da UGT-Galicia, que se celebrou en Santiago.

Destacou durante a súa intervención no acto que “a Administración autonómica terá sempre a man tendida ao diálogo social para a construción dun mercado laboral e dunha sociedade máis cohesionada, sólida e competitiva.”

Neste sentido, Mato apuntou que nestes tempos de crise é máis necesario que nunca “un exercicio de realismo, responsabilidade e apertura ao diálogo social”.

No caso da automoción, a titular de Traballo e Benestar defendeu que neste sector é necesario o mantemento das axudas á compra de automóbiles. Lembrou, ao respecto, que o Plan Re-Móvete de Galicia posto en marcha pola Xunta conseguiu mellorar nun 40% adicional as axudas ofrecidas polo Goberno central.

Pero Mato deixo claro que esta medida non é suficiente. Así, apuntou que é preciso potenciar a cualificación dos traballadores, xa que afirmou que “é un factor que se ten revelado como primordial á hora da estabilidade no emprego”.

Por iso, a titular de Traballo e Benestar asegurou que a Administración autonómica avoga pola formación e a reciclaxe dos traballadores. Neste sentido, lembrou que o pasado mes de novembro o Goberno galego asinou un acordo co Clúster da Automoción de Galicia para o establecemento dun centro de formación especializado. Tamén apuntou que en outubro foi inaugurado o Centro de Formación para a Automoción de Formega, a Fundación do Metal de Galicia, que conxuga as vontades de empresarios e sindicatos e que conta “cun importante respaldo” da Consellería.

Mato indicou que con estas iniciativas quérese afondar na promoción da formación e cualificación dos traballadores “como camiño para garantir a estabilidade no emprego do ámbito da automoción”.

A conselleira explicou na súa intervención do congreso de UGT-Galicia que a automoción da traballo a milleiros de familias galegas e sostén un peso importante do PIB de Galicia. Este sector xera máis de 25.000 empregos directos, máis de 12.000 inducidos e representa o 11% do emprego industrial en Galicia e o 17% do PIB. Ademais, na automoción galega recae un peso importante da produción estatal de vehículos.

O sector do naval

No tocante ao naval, Mato afirmou que as perspectivas e as solucións non son as mesmas que as da automoción e deixou claro que “só a cualificación e a calidade dos nosos estalerios e profesionais explican que o naval galego siga sendo un dos mellor valorados”.

Para acadar todos estes obxectivos, a responsable do departamento autonómico lembrou que o Goberno galego reabriu o proceso de diálogo social o pasado mes de outubro “coa esperanza posta na consecución dun consenso básico que nos permita deseñar medidas para que Galicia saia reforzada desta crise”.

Explicou, así mesmo, que a Consellería de Traballo e Benestar aposta polas políticas activas de emprego como principais ferramentas para afrontar a actual situación económica e sinalou que a área autonómica elabora unha folla de ruta (a apertura da mesa do diálogo social foi o primeiro paso para acadar o seu deseño) que quedará plasmada no Plan Estratéxico 2010-2013 para Galicia. “Será o punto de partida básico para o noso relanzamento económico, laboral e social”, indicou.

A conselleira, ademais, afirmou que a estabilidade e seguridade laboral, a igualdade, a conciliación e a mellora da produtividade non só son obxectivos en si mesmos, senón que constitúen “o camiño para a mellora do benestar social”. Ao respecto, reiterou que “o emprego é a mellor das políticas sociais”.

Mato concluíu a súa intervención no acto de apertura do congreso da UGT-Galicia sinalando que “todos cantos colaboramos no ámbito das relacións laborais debemos reflexionar sobre a importancia de seguir a colaborar e de compartir visións conxuntas para responder aos novos retos do mercado laboral”.

 

 
Buscar en GECG
Sobre esta información...
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com