O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia cunha nova Lei de Caixas que vaia “a favor de todos e contra ninguén”. “Estamos cumprindo o obxectivo de profesionalización dos órganos de goberno das caixas”, abondou o mandatario galego quen asegurou que, se a Xunta se inhibise da tutela financeira das caixas estará incumprindo coa súa obrigación. “Pero se, tal e como estamos a facer, a Comunidade Autónoma interésase pola solvencia das caixas, está exercendo as súas competencias e sendo responsable”, engadiu.
O presidente galego explicou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que a nova Lei de Caixas non supón incrementar “nin unha soa competencia da Comunidade Autónoma nas caixas”: “simplemente exercemos o noso dereito, consagrado no Estatuto de Autonomía, de tutela financeira das caixas”. O titular da Xunta destacou, ademais, a renuncia do Goberno galego a situar representantes políticos nos órganos de goberno das caixas, “aínda que si hai presidentes de deputacións e concelleiros socialistas nestes órganos de goberno”. “Nós o que plantexamos é que ningún político forme parte dos órganos de goberno das caixas, senón que sexan persoas con coñecementos en economía, en finanzas, en empresas e xuristas”, engadiu.
“A Comunidade Autónoma galega asumiu este compromiso de buscar a solvencia dunha gran caixa galega e, con este obxectivo, encargáronse a auditorías; creo que non se pode tomar esta decisión con máis garantías, nin con máis prudencia, ni con máis transparencia”, manifestou. Núñez Feijóo reiterou que cumprirá co acordo unánime da Mesa do Parlamento de intentar aprobar a nova Lei de Caixas no mes de decembro. “Teño uns compromisos parlamentarios, políticos, sindicais e empresariais, e non penso rachar ningún acordo”, engadiu.
As contradicións do PSdeG
“En política hai que ser serios e estar á altura das circunstancias”, engadiu o presidente galego en referencia a actuación do PSdeG neste asunto. “A maior parte de Galicia, igual que a Xunta, está avanzando nos acordos, e o partido socialista está avanzando nas súas contradicións”, asegurou. Neste sentido, Feijóo lembrou que hai un mes o partido socialista instaba á Xunta a que tomara decisións de maneira inmediata, “por ben, despois de que a Xunta estudiou este asunto e tomou unha decisión, agora ese mesmo partido que pedía celeridade máxima está pedindo suspender, bloquear, está pedindo un ano para facer o que podemos facer nuns días”
O presidente da Xunta lembrou que o partido socialista subscribiu a solicitude á mesa da Cámara onde pediu habilitar os sábados e os luns do mes de decembro para aprobar a Lei de Caixas. “Pido un mínimo de coherencia para non trasladar a Galicia os seus problemas internos. Iso sería malo, pero sería aínda peor, sería letal, que a estratexia do partido socialista de Galicia non se adopte en Galicia se non que veña de fora”, afirmou
“Vou seguir confiando na palabra dada do secretario xeral socialista, vou seguir confiando, e vou facelo ata o último instante. Vou seguir confiando na palabra dada tanto ao voceiro do BNG como a min mesmo e publicamente nesta mesma habitación”, concluíu na súa comparecencia no Pazo de Raxoi.