A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, vén de convocar a poxa de 28 lotes de madeira dos montes de xestión pública da provincia de Pontevedra, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia publicado o pasado venres, 11 de decembro. Subastaránse un total de 22.174,13 metros cúbicos de madeira, cun prezo de saída que suma 404.741,23 euros.
Os pés, na súa meirande parte de eucalipto e piñeiro, que compoñen os lotes, sitúanse en montes dos concellos de Valga, Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Meis, Pontecaldelas, Cangas, Mondariz, Oia, Ponteareas, Tomiño e O Covelo. Cómpre sinalar que 11 dos lotes están certificados segundo o sistema PEFC, que garante unha xestión sustentable da superficie forestal. A madeira certificada incluída nesta poxa representa un volume total de 8.517,62 metros cúbicos.
A persoas interesadas en participar na poxa pública teñen de prazo para presentar a documentación requirida ata o 7 de xaneiro. Cada licitador deberá presentar para cada oferta dous sobres pechados, un coa documentación administrativa e outro coa oferta económica. A mesa de contratación realizará a apertura das proposicións o día 18 de xaneiro ás 11:00 horas no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. A información sobre a documentación precisa para participar na poxa pódese consultar no Diario Oficial de Galicia. No enderezo http://mediorural.xunta.es/forestal/poxas están dispoñibles todos os datos dos lotes subastados e mapas coa situación dos montes dos que procede a madeira.
Datos por zonas
Na zona norte da provincia, o concello do que se subastan máis lotes é Valga, con catro, que serán extraídos dos montes de Sanagogas, Outeiro de Home e Pouso pola realización de clareos ou por quenda das árbores. Os pés, de piñeiro e eucalipto, representan 1.365,65 metros cúbicos de madeira e están taxados en 31.376,29 euros. Dos montes de Cuntis inclúense na poxa dous lotes de 2.240,79 metros cúbicos de madeira e un máis de 600 toneladas compostos por eucaliptos, piñeiros e carballos. A madeira procede dos montes Vilar de Mato, Magán (esta con certificación forestal) e Baixo de Balboa, e cortarase pola realización de clareos e por praga. O seu prezo total de saída ascende a 49.651,31 euros.
De Pontecaldelas e de Barro subástanse cadanseu par de lotes. No caso de Pontecaldelas poxarase por 1.870,45 metros cúbicos de madeira dos montes de Laxioso (con certificación forestal) e de Barbudo. Trátase de pés de eucalipto e acacia que se extraerán por quenda e que suman un valor de 34.812,16 euros. Canto a Barro, a madeira, con certificación forestal toda ela e taxada en 18.671,81 euros, suma 1.480,75 metros cúbicos correspondentes a pés de piñeiro e eucalipto dos montes de Curro que se extraerán por mor dun incendio e dunha praga.
Do monte de Xiabre ou Vemil, en Caldas de Reis, pola realización dunha clara, levarase a cabo a extracción de 135,81 metros cúbicos de madeira certificada correspondentes a pés de piñeiro e taxados en 1.704,42 euros. De Meis subastaranse 1.580,33 metros cúbicos de madeira seca de eucaliptos procedentes do monte Santo Tomé de Nogueira, cun prezo de saída de 11.852,48 euros.
Lotes no sur da provincia
No sur de Pontevedra, o concello do que se subastan máis lotes é Mondariz, con cinco, que serán extraídos dos montes de Gargamala por quenda das árbores e de Toutón por clareo. Trátase de pés de piñeiro e eucalipto que representan 4.475,33 metros cúbicos de madeira taxados en 96.525,35 euros.
De Cangas e de Oia subástanse tres lotes. No primeiro caso poxarase por 1.867,56 metros cúbicos de madeira dos montes de Darbo e Hío, con certificación forestal. Trátase de pés de piñeiro e eucalipto que serán extraídos por quenda e pola realización de cortalumes. Suman un valor de 34.042,62 euros. Canto a Oia, a madeira, taxada en 58.403.88 euros, suma 3.913,56 metros cúbicos correspondentes a pés de piñeiro e eucalipto que serán extraídos dos montes de Mougás (estes con certificación forestal) pola construción dunha área recreativa e de Lourenza por quenda.
No Covelo, dos montes de Paraños e de Santa Mariña (este con certificación forestal), a realización dunha clara permitirá a extracción de 769 toneladas de madeira de piñeiro taxadas en 10.004,9 euros. De Ponteareas subastaranse 307,21 metros cúbicos de madeira de eucalipto procedente do monte de San Lourenzo de Oliveira por quenda, cun valor de saída de 6.512,85 euros. Finalmente, dos Montes de Pinzás, en Tomiño, poxarase por 1.431,09 metros cúbicos de madeira certificada de piñeiro que se cortarán por quenda e taxados en 51.147,16 euros.