Inicio  >  Sociedad  >  Educación

O proxecto Abalar permitirá dotar a 87.400 alumnos con portátil e ter 4.400 aulas informatizadas en 1.085 centros

redacción GECG - 17/12/2009

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do proxecto Abalar, unha iniciativa para esta lexislatura que ten como principal finalidade implementar as tecnoloxías da información e da comunicación en todos os centros educativos galegos, integrando plenamente as novas tecnoloxías na práctica educativa cotiá. Trátase dunha actuación que, segundo resaltou Feijóo, pretende estender as súas actuacións ao longo dos próximos catro anos, ata lograr o obxectivo de “87.400 alumnos con portátil, 4.400 aulas informatizadas e chegar a 1.085 centros informatizados con capacidades de ordenadores, con taboleiros dixitais e, por suposto, con ordenadores portátiles para os profesores e para os alumnos”, explicou.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o mandatario autonómico recoñeceu que Abalar é un proxecto “ambicioso” pero “necesario para non perder o tren en Galicia do que se refire a portátiles, taboleiros dixitais, informatización e facilitación aos alumnos e profesores” das novas tecnoloxías.

Núñez Feijóo indicou, a este respecto, que o Goberno galego autorizou, na súa reunión de hoxe, “un dos instrumentos deste proxecto Abalar”. Trátase, concretamente, dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por importe de 8 millóns de euros para a aplicación da iniciativa Escuela 2.0. Unha dotación orzamentaria para o curso 2009-2010 coa que, segundo o presidente galego, “dotaremos de ordenadores a 14.000 alumnos e de ordenadores portátiles a 2.500 profesores. É dicir, imos informatizar tanto as capacidades docentes dos profesores coma as capacidades dos alumnos e iso beneficiará a máis de 700 aulas no curso 2009-2010”, incidiu.

O mandatario autonómico considerou esta iniciativa como “unha estratexia moi interesante” xa que, nos vindeiros anos, “o portátil será algo elemental como o libro o foi durante as últimas décadas no ensino en España”.

“Pero imos proseguir”, engadiu Feióo, resaltando que “este é só o primeiro instrumento do proxecto Abalar” pero que o compromiso da Xunta é dar o salto completo cara ao centro dixital, “para converter as aulas realmente en aulas de educación dixitalmente dotadas, con ordenadores portátiles, con taboleiros dotados. En definitiva, coas ferramentas do século XXI”, enfatizou.

 

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com