Inicio  >  Sociedad  >  Sociedad

A Xunta retomará as obras para evitar ás inundacións no río Os Corrais, en Ferrol, cando o proxecto conte con todos os terreos necesarios e o informe favorable de Conservación da Natureza

redacción GECG - 17/12/2009

A presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar que a Xunta retomará o proxecto de solución ás inundacións no río Os Corrais, en Ferrol, cando os requisitos precisos para a súa execución sexan unha realidade. Esta obra, programada polo anterior goberno estando en funcións, conta nestes momentos cunha serie de deficiencias técnicas que dificultan o seu inicio, entre as que destaca o feito de non ter aínda todos os terreos a servizo da Administración Hidráulica de Galicia, co que non é posible a súa execución. Por outra parte, tampouco dispón de informe de Conservación da Natureza.

A obra nos Corrais enmárcase nunha serie de actuacións onde tamén se inclúen o acondicionamento do río Rodeiro, en Pontevedra, e a defensa de marxes de cauces fluviais no río Sar ao seu paso pola localidade coruñesa de Padrón.

Edificacións fora de perigo

Por outra parte, Ethel Vázquez tamén sinalou que é preciso que o proxecto defina a zona de fluxo preferente co fin de que todas as edificacións e equipamentos vulnerables existentes queden fóra desta zona.

Así mesmo, o organismo Augas de Galicia precisa dispor dunha serie de características técnicas como son un mapa de precipitacións máximas diarias no ámbito de Galicia Costa e outro co número de curva para cada punto, determinado en función dos usos do solo ou a pendente. Estes estudos permitirán ter unha maior precisión no cálculo dos caudais de deseño, xa que se empregan parámetros específicos.

Todos estes trámites son imprescindibles para que Augas de Galicia leve a cabo unha planificación e contrate a obra, unha vez se superen estas circunstancias que impiden o seu inicio.

Por último, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas levou a cabo un análise das necesidades existentes en materia de augas na comunidade galega. Neste senso, a presidenta do organismo autonómico lembrou que se están a levar a cabo aquelas actuacións consideradas máis urxentes, é dicir, as que obriga a Directiva Marco da Auga, que establece como obxectivo a protección do medio hídrico para acadar un bo estado de todas as masas de auga no horizonte do ano 2015.

 

 
Buscar en GECG
Roberto Ledo Garrido
Editor y director
© ES. Comunicación Profesional '09
     Todos los derechos reservados 

Aviso legal
Dirección de Proyectos y Protocolo
Despacho Cristina de Andrés
Calle Urzaiz, 10 - 1º Izd   -   36201 VIGO
Móvil: 669 420 280
proyectosprotocolo@grupoescomunicaciongalicia.com