Na Biblioteca Pública de Gondomar, a poeta Elvira Riveiro estará connosco para participar na última sesión do ano 2009 do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, destinado a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.
O libro proposto nesta ocasión é PAlAbrAs brAncAs, publicado pola editorial Xerais e finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2007. PAlAbrAs brAncAs é un poemario moi especial, escrito unicamente coa vogal A, un marabilloso encontro con palabras que xogan a agasallarnos todos os as posibles.
Nesta ocasión, como unha das novidades que imos introducir no club no ano 2010, a autora será presentada por un neno e unha nena que participan habitualmente nesta actividade.
A autora
Elvira Riveiro naceu preto de Pontevedra hai 38 anos e é autora de varios libros como Andar ao leu ou Arxilosa. Recentemente foi a gañadora do II Certame de Poesía Victoriano Taibo, que convoca a Entidade Local de Morgadáns en conlaboración co IEM, co seu poemario Biografía da multitude.
O club Lendo Contigo
A este club de lectura compartida adoitan asistir arredor de 50 persoas, entre nenos, nenas, pais e nais, e con el preténdese fomentar o diálogo familiar arredor do libro e a lectura. Para participar na actividade non é preciso inscrición previa, só é recomendable ler o libro proposto e achegarse o último sábado de cada mes, ás 12.00 horas, á Biblioteca Municipal de Gondomar.
Máis información no blog de Espazo Lectura (http://www.espazolectura.org).