O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, clausurou hoxe o acto de entrega dos entrega da XVI Edición dos ‘Premios de Publicidade en Galego’, concedidos polo Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG, e cos que se recoñece o labor das empresas e axencias que promoven a difusión da lingua galega a través do medio publicitario.
Durante o acto, Anxo Lorenzo lembrou a importancia de ”incorporar o galego á estratexia publicitaria en Galicia”, xa que “non é só natural ou un acto de favor á lingua, senón que pode considerarse un activo empresarial máis, tanto como ferramenta creativa como de empatía e proximidade co cliente”.
Despois de constatar a calidade das iniciativas premiadas -que foron presentadas aos asistentes durante a cerimonia-, o secretario xeral de Política Lingüística mostrouse satisfeito co esforzo realizado en Galicia para acadar a plena normalización do uso da nosa lingua no mundo da publicidade. Así as cousas, e valorando o camiño xa andado, Anxo Lorenzo concluíu que '”para estes anos vindeiros o reto será consolidar unha alta calidade lingüística das emisións publicitarias”.
Os premiados
O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG decidiu outorgar nesta edición os ‘Premios de Publicidade en Galego 2008’, na modalidade de televisión ao anuncio de R-CABLE Galicia “Cámbiache o conto”, elaborado pola axencia ‘OCEANOGRÁFICO’ e emitido pola TVG. Os membros do xurado apreciaron neste anuncio a súa orixinalidade, novidade e sinxeleza para elaborar un discurso narrativo “quen de prender a atención dos espectadores mais preguiceiros”, ademais da súa mensaxe directa e imaxinativa.
No apartado de radio, o galardón foi para o reclamo publicitario “ONDA CERO GALICIA” elaborado e presentado por Onda Cero Radio. Neste caso foi valorada a riqueza lingüística da cuña publicitaria, que transmite unha viaxe idílica polos recunchos da terra galega, dende a gastronomía ata a paisaxe. Ademais, o xurado salientou o innovador do anuncio premiado no tocante á articulación da súa mensaxe radiofónica e á súa textura arquitectónica.
Finalmente, o xurado acordou, por unanimidade, que o premio na modalidade de internet quedara deserto.
O fallo dos premios, unha vez, valoradas as propostas presentadas pola Comisión de Programación e Publicidade, foi comunicado no acto polo secretario do Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG, Agustín Reguera; na presenza do presidente do Consello Asesor, Xosé Miguel Alonso Boó; e os demais membros dos demais conselleiros membros do xurado.
No acto de entrega de premios, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, estiveron presentes oo presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar Pumar; o alcalde do Concello Ourense, Francisco Rodríguez Fernández; o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, José Manuel Baltar Blanco; e representantes das empresas e axencias publicitarias galardoadas.