Así mesmo, dentro da programación deseñada pola Secretaría de Modernización, o Goberno galego organizará mañá sábado a partir das 17,00 horas unha xornada sobre o funcionamento dos servizos sanitarios galegos en internet e a páxina web do Servizo Galego de Saúde.
A participación da Xunta de Galicia neste evento encádrase dentro do plan de acción que está a levar a cabo para o desenvolvemento da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma. Desde a apertura desta exposición o pasado martes, a Xunta de Galicia organizou xornadas de formación, obradoiros e conferencias como o relatorio Memoria de muller; a actividade Memoria dos oficios; a presentación da Plataforma Tecnolóxica e Desenvolvemento do Proxecto Diccionario Enciclopédico Galego das TIC; unha xornada sobre sistemas de uso seguro de internet na infancia; sobre internet para persoas maiores; a presentación de Esignovisual, diccionario virtual de termos tecnolóxicos en linguaxe de signos; un obradoiro sobre as ferramentas de Google na rede como Google calendar, Google docs ou a webmail; ou xornadas sobre a Enciclopedia virtual Wikipedia; ou sobre os recursos dispoñibles na rede para as pemes.
Actividades permanentes e a pé de rúa
A feira Movemento Avanza ofrece, ademais, outras actividades permanentes como o obradoiro Ciberescola que pretende achegar as TIC aos máis pequenos, ou o de iniciación ao correo electrónico. Celébranse, ademais, de xeito continuado obradoiros para que nenos e mozos se inicien na navegación na rede; e para usuarios con xornadas sobre administración electrónica, blogs, compra por internet, retoque de fotos, busca de emprego ou presentacións de imaxes, entre outros.
Como actividades participativas a pé de rúa, os coruñeses poderán visitar os Monumentos TIC de máis de catro metros de altura, situados no Peirao de Transatlánticos e no Cantón Grande toda esta semana, con referencias a diferentes ferramentas tecnolóxicas como a @, o DNIe, os dominios .es, a TDT e as siglas www (world wide web). Estas figuras mostrarán os principais indicadores do desenvolvemento da Sociedade da Información como: “xa somos máis de 24 millóns de internautas”; “máis de 12 millóns de españois xa dispoñen de DNI electrónico”; “os Préstamos Avanza ao 0% de xuro axudaron a 226.928 familias na compra de ordenadores con conexión a banda larga”, etc.
O obxectivo da mostra Movemento Avanza é que todos os cidadáns que se acheguen ata Palexco visiten a exposición e aprendan como poden mellorar a súa vida grazas ás TIC. A entrada e participación en todas as actividades é totalmente gratuíta.