A directora xeral de Comercio, María Nava Castro, e máis a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participaron hoxe no peche da campaña de promoción do comercio local desenvolvida nas últimas semanas en Monforte de Lemos, organizada pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Dirección Xeral de Comercio.
Nava Castro instou aos cidadáns a comprar no comercio local para fortalecer unha das actividades económicas que máis emprego crea na provincia de Lugo. “O comercio galego está formado basicamente por autónomos, pequenas e medianas empresas, que dan emprego directo e robustecen a malla económica das vilas e os pobos, con efectos beneficiosos que repercuten noutros ámbitos como o transporte ou a hostalería”, sinalou.
A responsable do departamento de Comercio e a máxima representante do Goberno galego en Lugo participaron na entrega de premios incluída no peche de campaña de promoción, que colleitou un gran éxito na vila monfortina, “un exemplo do que representa este sector económico”, segundo destacou Arias. O acto tivo lugar na carpa instalada na zona comercial da citada localidade do sur lucense.
No sorteo repartíronse 3.000 euros entre os máis de 14.000 boletos distribuídos entre as persoas que fixeron compras nos comercios monfortinos nos últimos días. Os premios consisten en vales de 100 ou 300 euros que serven para comprar nos comercios da zona, de xeito que reverten en forma de ingresos para os comerciantes locais.
A Dirección Xeral de Comercio subvenciona esta campaña, que xa se desenvolveu noutras vilas galegas e que ten por obxecto revitalizar o comercio local. Xunto ao sorteo de premios, inclúense actividades divulgativas para informar aos veciños sobre distintos aspectos que son do seu interese como consumidores e usuarios.
Con anterioridade ao sorteo, Nava Castro e Arias reuníronse con representantes do Centro Comercial Urbano de Monforte (CCU), cos que falaron da situación do sector e abordaron distintas iniciativas que ten en marcha tanto a Dirección Xeral de Comercio como o propio colectivo.