Un dos principais patrocinadores, a Concellería de Xuventude do Concello de Lugo, que apoiou o evento durante 5 anos, ven de retirar a súa colaboración. Xuvenlugo, a feira do ocio, a diversión e a educación é o evento, xunto a Expolugo que máis edicións leva celebrado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Un evento que dá resposta ao tempo de ocio durante o período de Nadal na provincia de Lugo. A pasada edición superou os 25.000 visitantes.
Como en pasadas edicións, a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo leva tempo traballando para celebrar o que é un dos eventos que máis xente atrae ata o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo: feira Xuvenlugo, que este ano celebrará a súa onceava edición.
Sen embargo, a diferencia dos últimos tempos, para esta edición a feira non contará cun apoio fundamental dos últimos 5 anos: a Concellería de Xuventude do Concello de Lugo, entidade que ven de retirar todo o seu apoio a Xuvenlugo.
Deste xeito, dende a Fundación Feiras, trabállase para acadar outros apoios que permitan celebrar un evento que na pasada edición de 2008 contou con máis de 25.000 visitantes. Neste senso, a ausencia de apoios institucionais fai practicamente imposible a contratación da xa habitual pista de xeo, unha das atraccións estrela que este ano non estará en Xuvenlugo.
Pese a estas dificultades de patrocinio, os responsables da Fundación Feiras son optimistas e aseguran que finalmente Xuvenlugo si se celebrará, xa que é un dos eventos socioeconómicos máis importantes do ano no Pazo de Feiras, na cidade e na provincia de Lugo e que, ademais, dá resposta á demanda de ocio por parte de nenos, adolescentes e adultos durante o período vacacional do Nadal.
Do mesmo xeito, trabállase para conseguir novas atraccións, incluso algunha que nunca antes estivo presente en Xuvenlugo, co obxectivo de facer que o evento sexa o máis atractivo posible e cumpra os máis variados gustos do público asistente. En poucos días esperamos poder ofrecer un calendario de actividades e atraccións dun evento que tradicionalmente é referencia no Nadal da provincia de Lugo.